Blanca Laffon é Catedrática de Psicobioloxía da Universidade da Coruña. Licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1996 con Premio Extraordinario, obtendo o Primeiro Premio de Fin de Carreira da Xunta de Galicia e do Ministerio de Educación, e doutorouse en Farmacia pola mesma Universidade en 2001 tamén con Premio Extraordinario. Foi bolseira de diferentes entidades públicas e privadas durante o seu período pre- e posdoutoral, e investigadora do programa Parga Pondal da Xunta de Galicia.
Participou nunha quincena de proxectos de investigación nacionais e internacionais, traballando en estreita colaboración con grupos de distintos países como Portugal, Reino Unido, Austria, Italia ou India, sendo seis dos seus traballos recoñecidos con premios de distintas entidades. É autora dunha centena de artigos de investigación e capítulos de libro internacionais, e ten sido ponente invitada nunha vintena de congresos internacionais. É Académica Correspondente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e forma parte do comité editorial de diversas revistas internacionais.
Entre as súas actividades académicas universitarias inclúese a docencia de Psicofarmacoloxía, Toxicoloxía Xenética, Toxicoloxía Ambiental e Alteracións Conxénitas da Linguaxe. Ten dirixido 8 Teses de Doutoramento, 4 das cales obtiveron Premio Extraordinario.